|
O pasado 29 de abril ASOPORCEL visitou en Beja (Portugal) a 27ª edición da Feira OVIBEJA 2010, un dos principais eventos relacionados co sector agrogandeiro que se celebran no país veciño, ó que fomos convidados cordialmente por ACPA, a Asociación de Criadores do Porco de Raza Alentejana (raza autóctona descendente do tronco ibérico), entidade colaboradora da xestión do Libro Xenealóxico da raza.
O coordinador xeral de ASOPORCEL, D. José Antonio Carril, entrevistouse co Presidente de ACPA, D. José Cândido Félix, e con varios membros do equipo técnico, con motivo de coñecer o funcionamento e as actividades que desenvolve unha asociación que conta cuns 360 socios, entre 5000 e 6000 reprodutoras e que produce entre 30 e 40000 animais por ano para comercializar dende as súas Denominacións de Orixe Protexida.
En OVIBEJA organizáronse todo tipo de actividades para a promoción turística, cultural e gastronómica da rexión do Alentejo, con participación das principais autoridades do Ministerio e a Dirección Xeral de Gandería de Portugal (agardábase a presenza do Presidente da República para o acto de peche da feira). Houbo numerosa representación de razas gandeiras, un Concurso Morfolóxico da raza Alentejana, coa súa correspondente entrega de premios aos mellores reprodutores (na que D. José Antonio Carril foi xentilmente convidado a participar) e a continuación realizouse unha subasta entre os gandeiros dos verróns participantes no concurso.
Para o ano que ven, nesta mesma feira José Antonio Carril acordou durante as conversas mantidas cos representantes do Recinto Feiral e do sector porcino a participar cun stand que presente e difunda o Congreso Mundial do Xamón para 2011. En definitiva, unha visita produtiva e de gran interese, na que se mantiveron conversas para futuras colaboracións, a máis importante no próximo Congreso Mundial do Xamón que se celebrará en Lugo en 2011. 
|